| 'O sábado, 10 de marzo, celebrouse en Ribeira a primeira proba do o "X Campionato de Primavera de Dornas a Vela". Organizou a Asociación Cultural Lajareu por Barlovento. Esta regata foi significativa porque se probaron nela unas velas de corte máis tradicional – máis pequenas para incrementar a seguridade no mar e navegación tradicional nas tres picas do mastro da embarcación. Por vez primeira nunha regata de dornas a vela todas as embarcacións navegaron con velas idénticas, tanto en deseño, materiais e fabricante.
Pero como é ás veces de esperar o vento non proporcionou forzas suficientes para probar a seguridade das velas no mar senón para demostrar o seu comportamento en ventos variables e moi frouxos. Polo tanto o percorrido axustouse ás condicións metrolóxicas coas dornas saíndo de Coroso rumbo ás Illas Airoas con virada no Camouco e rumbo a terra. Aínda con pouco vento de popa a Volandeira de Victor Rincón e José A. Álvarez mostrou gran habilidade na saída, veleando moi a sotavento en rachas limpas. Seguiuna por medio da liña a Jolfiña de Alberto Romero e Nacho Jorganes e a barlovento a Áncora de Adelino Formoso e Agustín Seráns. O resto da flota viuse comprometido con ventos inda máis frouxos preto de terra.
As tres dornas dianteiras fixeron unha pequena escapada virando primeira nas Airoas a Volandeira cando o vento se quedou case por completo. Aproveitou a parada o resto da flota para achegarse ás escapadas e saíu airosa das Airoas en primeiro posto a Jolfiña. Non foi fácil librar as Airoas ó abrigo das illas pero o vento refrescou no largo rumbo ó Camouco. Aquí demostrou gran velocidade a Tixosa de José Bermo e David Iglesias navegando moi a barlovento e atacando á Áncora en todo momento. Nembargantes a estrela do largo foi unha vez máis a Volandeira cando fixo unha escapada fulminante preto do Camouco deixando pola popa á Jolfiña que intentaba presionala.
Do Camouco para terra demostrou ser un pequeno calvario xa que o vento de terra parecía desvanecerse por momentos. A Volandeira mantivo rumbo, con moita tranquilidade, navegando ben para terra dos Miñoteiros. A Jolfiña seguiuna esperando algún fallo na ceñida ou unha mala manobra. Mentres, a Áncora e a Tixosa optaron por soltar escota para conseguir maior velocidade coa esperanza de coller ventiño fresco en terra, pero o vento non levantou. Nese intre a Vikinga de Fernando Redondo e Francisco Pérez atacou á flota desde fóra. A manobra foi boa e inda que tardía tivo os seus froitos.
A Volandeira non fallou e entrou primeira con tranquilidade, facendo unha regata perfecta. Seguiuna en segundo posto a Jolfiña e en terceiro a Áncora que tivo problemas na entrada na liña con ventos cada vez máis frouxos de proa. A Vikinga aproveitou á situación virando nunhas refachas que non lle entraron á Tixosa, mentres está última intentaba viradas desesperadas sen éxito no medio da calma. Para máis inri a Papoula de Carlos Otero e Jorge Ramos tamén apostou por unha virada nas refachas que lle permitiu superar á Tixosa no último momento.
Os resultados da primeira proba do "X Campionato de Primavera de Dornas a Vela" foron os seguintes:
1ª Volandeira
2ª Jolfiña
3ª Áncora
4ª Vikinga
5ª Papoula
6ª Tixosa
7ª Sandra
8ª Lusiña
9ª Xarda
10ª Moura
11ª Ardentía
12ª Adoa
13ª Zoa
14ª Rabuda
15ª Fiuza
16ª María da Fonte.
A Próxima regata saíra dende Coroso o sábado día 24 de marzo ás catro da tarde'
|