Portada ›› Remo ›› Cabo da Cruz feminino repite vitoria na casa e Tirán-Pereira gaña nunha regata moi igualada

Cabo da Cruz feminino repite vitoria na casa e Tirán-Pereira gaña nunha regata moi igualada

Cabo da Cruz feminino repite vitoria na casa e Tirán-Pereira gaña nunha regata moi igualada

A Liga Feminina e a Liga A do Trofeo Xuntade Galicia volveron coincidir en Cabo da Cruz para disputar a III Bandeira Feminina Rianxeira e a VIII Bandeira Marina Cabo da Cruz Concello de Boiro.

As rapazas foron as encargadas de abrir a contenda con dúas mangas lanzadas. Na primeira competiron Tirán-Pereira, Salgado-Perillo e Naútico de Riveira, e na segunda Castropol e Puebla. Dende o primeiro momento a embarcación de Moaña mostrouse como a máis forte, liderando en todas as referencias deixando practicamente sen opcións as súas rivais de quenda. Por detrás, Riveira na primeira manga e Puebla na segunda marcaban tempos similares, sendo finalmente Riveira a que gañou a partida. Castropol intentou achegarse a Puebla sen éxito, pero aínda así as asturianas superaron o tempo dunha Salgado-Perillo que non se puido repoñerse dun erro na primeira virada, rematando na última posición.

Na terceira quenda saíron Rianxo, Cabo da Cruz, Chapela-Wofco e Mugardos- A Cabana-Ferrol. As locais, motivadas na súa casa, impuxeron un ritmo que non puido aguantar ningunha das súas rivais, gañando a III Bandeira Feminina Rianxeira e afianzándose na clasificación da Liga Feminina-Trofeo Xunta de Galicia. Segunda foi Chapela-Wofco, que a pesar de estar loitando con Cabo, tamén estaba pendente do ‘crono’ debido ao gran tempo feito por Tirán-Pereira na primeira quenda. Terceira da manga foi Mugardos-A Cabana-Ferrol, pero non puido superar o tempo das de Moaña, rematando en cuarta posición. Pechou a quenda Rianxo, que tamén tivo problemas nunha virada o que as levou a caer ata a sétima posición da regata, por diante de Castropol e Salgado-Perillo.

Liga A

4G8A0734

A continuación foi o momento da Liga A e se por algo se pode definir a regata de hoxe foi pola igualdade. As dúas primeiras quendas tamén partiron lanzadas. Arrancaron primeiro Mugardos, Puebla, Cesantes-Rodavigo e Narón, e a continuación a filial de Cabo da Cruz, Mecos, Chapela-Wofco e Rianxo. Na primeira quenda a que dominou foi Narón, pero seguida moi de preto polas outras embarcacións. De feito, Cesantes-Rodavigo comezou cuarta, púxose segunda e quedou finalmente terceira por detrás de Puebla. Caso inverso foi o de Mugardos que pasou da segunda á cuarta posición da quenda. O resultado final viuse alterado por unha sanción de 10 segundos a Puebla, o que fixo que perdera a posición cos de Cesantes. Na segunda manga, o equipo local resarciuse da mala regata do día anterior e impuxo un ritmo que os rivais só aguantaron no primeiro longo. Por detrás, Chapela-Wofco era segunda, primeiro empatada con Mecos e logo con Rianxo, aínda que finalmente os da Arealonga conseguiron defender a posición. Os últimos metros volveron a deparar un final igualado entre Mecos e Rianxo, que de novo a Mequiña levouse por apenas un segundo.

A xornada pechouse cunha quenda de honra moi igualada. No primeiro parcial lideraban Tirán-Pereira e Samertolameu-Oversea, dous segundos por diante de Bueu-Teccarsa e trece de Mera, pero cuns tempos inferiores a case todos os rivais da segunda manga. Mera incluso caía á última posición. Na segunda referencia a que lideraba era Bueu-Teccarsa a tan só un segundo das dúas embarcacións de Moaña, e vinte por diante de Mera. Agora sí que os tres primeiros se poñían por diante dos rivais das quendas anteriores, agás Mera que se situaba no noveno posto. A igualdade comezou a racharse na última virada, na que Tirán-Pereira chegaba tres segundos por diante da Terca e oito da Maruxía, superando ademais o tempo de Cabo por dous segundos. Mera melloraba un posto e poñíase oitava. No último longo Tirán-Pereira fixo valer a súa vantaxe e mellorou o tempo de Cabo facéndose coa primeira bandeira da tempada. Segunda foi Samertolameu-Oversea e terceira Bueu-Teccarsa, que superou o tempo de Cabo por só 63 centésimas. Mera pechou a quenda caendo ata a oitava posición.